O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural que fai públicas as achegas para o fomento do uso de maquinaria agrícola en réxime asociativo na convocatoria correspondente a 2020. Un total de 24 cooperativas agrarias de toda Galicia recibiron en conxunto 2.437.875,80 euros en axudas.
Estas subvencións benefician a cooperativas agrarias, de utilización de maquinaria agrícola (CUMA), de explotación comunitaria da terra ou tamén a sociedades agrarias de transformación, e apoian os custos de adquisición de maquinaria agrícola e os estudos técnicos-económicos de viabilidade daquelas entidades asociativas do sector agrario que queiran dar servizo aos seus socios a través deste sistema.
O importe das axudas acada nun principio o 35 % dos custos, pero pode incrementarse ata un máximo do 50 % en función de criterios que priman a localización da entidade en zonas con limitacións naturais e o feito de que o beneficiario proceda dunha fusión de cooperativas.
Con estas subvencións, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, búscase fomentar o uso de maquinaria e equipamentos de carácter agropecuario en réxime asociativo, impulsar a introdución de novas tecnoloxías no seu emprego e racionalizar os custos de mecanización, así como incrementar os mecanismos de seguridade no traballo, reducir as emisións contaminantes e promover o aforro enerxético, na procura dunha mellora da calidade de vida no rural galego.