A Consellería do Medio Rural publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia a orde pola que se convocan as axudas destinadas ás agrupacións de defensa sanitaria gandeiras (ADSG), co obxectivo de apoiar o labor destas entidades na execución de programas facultativos de prevención e control de enfermidades animais. A liña de subvencións contará cun orzamento total de 2,38 millóns de euros, unha dotación lixeiramente superior á consignada en 2025.
Os programas de planificación zoosanitaria subvencionables serán os que se desenvolvan entre o 1 de marzo de 2026 e o 28 de febreiro de 2027. Segundo destaca a Consellería, estas actuacións contribúen a reforzar as condicións hixiénicas das explotacións e o benestar animal, ao tempo que elevan o nivel produtivo e sanitario e favorecen a mellora do status sanitario da cabana gandeira galega.
As axudas permitirán sufragar gastos derivados da contratación de servizos técnicos veterinarios ou da remuneración do persoal veterinario responsable das ADSG, así como a adquisición de material funxible necesario para os programas, como luvas, calzas, tubos de extracción de sangue e agullas.
Poderán optar a estas subvencións as entidades asociativas agrarias inscritas no rexistro oficial de ADSG, coa exclusión das formadas exclusivamente por cebadeiros de vacún, sempre que estean integradas por explotacións activas con condición de peme e ao día das obrigas tributarias e coa Seguridade Social.