Embriovet inaugura en Mesía un hotel de doantes para impulsar a reprodución bovina

Embriovet inaugura en Mesía un hotel de doantes para impulsar a reprodución bovina

A empresa Embriovet inaugurou esta mañá no municipio de Mesía (A Coruña) o seu novo Hotel de Doantes, un centro especializado en reprodución bovina concibido para aloxar animais de alto valor xenético e aproveitar ao máximo o seu potencial reprodutivo. Trátase do primeiro hotel privado de doantes bovinas de Galicia e de España.

O acto inaugural contou coa presenza da conselleira do Medio Rural da Xunta de Galicia, María José Gómez, e o alcalde de Mesía, Mariano Iglesias, que coñeceron de primeira man as características deste proxecto, dirixido polo veterinario Daniel Martínez Bello, director técnico de Embriovet e presidente de Anembe.

As instalacións acondicionáronse sobre unha antiga gandería de vacún de leite, que foi completamente reformada para converterse nun centro de testaxe e reprodución. Dispón de dez boxes para o aloxamento das doantes, unha sala de extracción de ovocitos e embrións, un laboratorio de campo e unha área independente de corentena. En conxunto, o centro ten capacidade para uns 70 animais, tanto de razas leiteiras como cárnicas, e está deseñado para garantir unhas condicións óptimas de benestar, manexo e bioseguridade.

O Hotel de Doantes permite desenvolver programas reprodutivos individualizados, con extraccións de ovocitos cada 14 días e un seguimento continuo dos animais. A alimentación específica, os controis sanitarios e as condicións de traballo buscan mellorar a calidade dos ovocitos e embrións obtidos. A estadía mínima prevista é de aproximadamente tres meses, incluíndo un mes de corentena e preparación, aínda que pode prolongarse en función dos obxectivos reprodutivos establecidos por cada propietario.

Con este proxecto, Embriovet pretende ampliar as posibilidades de acceso ás biotecnoloxías reprodutivas e facilitar que as ganderías obteñan un maior número de descendentes dos seus mellores animais. O centro abre tamén a porta a novas fórmulas de aproveitamento xenético, como a propiedade compartida de doantes, a contratación de sesións de extracción de ovocitos ou a comercialización de embrións excedentes.