O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan para 2026 as axudas destinadas á realización de certames de gando bovino selecto, por un importe total de 150.000 euros.
Estas axudas concederanse en réxime de concorrencia non competitiva, de xeito que as solicitudes se tramitarán por orde de presentación ata o esgotamento do crédito orzamentario dispoñible.
A finalidade da convocatoria é fomentar a celebración de certames de gando selecto en distintos puntos da xeografía galega, nos que as ganderías participantes poidan expoñer os animais con diferentes finalidades. Considérase necesario potenciar este tipo de actividades, xa que supoñen un incentivo para a recría de exemplares selectos en Galicia, facilitan o seu coñecemento por parte do resto das explotacións, posibilitan a súa comercialización e constitúen un estímulo para a mellora gandeira.
Poderán beneficiarse destas axudas os concellos galegos, as asociacións de persoas gandeiras, as organizacións empresariais e outras entidades sen ánimo de lucro que organicen este tipo de eventos e cumpran os requisitos establecidos na convocatoria. As actuacións subvencionables deberán terse realizado no período comprendido entre o 1 de novembro de 2025 e o 31 de outubro de 2026, ambos incluídos.