Medio Rural de Galicia publicou as bases das axudas para a sucesión de ganderías

Medio Rural de Galicia publicou as bases das axudas para a sucesión de ganderías

A Consellería do Medio Rural publicou este luns no Diario Oficial de Galicia (DOG) a orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a sucesión de explotacións agrarias, no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común de España 2023-2027 (PEPAC), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader). 

O oxectivo principal é promover a remuda xeracional no agro. As achegas, que están ligadas á transmisión de explotacións a través do Banco de Explotacións, poderán alcanzar ata un máximo de 30.000 euros nun período de cinco anos para as persoas que cedan as súas ganderías mediante venda ou arrendamento a outra persoa cesionaria. 

Entre os requisitos que deben cumprir os beneficiarios están os de non ter máis de 70 anos de idade e ser titulares dunha explotación agraria cuxa produción estándar total (PET) sexa, como mínimo, de 8.000 euros. 

Pola súa parte, os cesionarios (as persoas ás que lle ceden as explotacións) deberán ser maiores de 18 anos e non superar os 55, ter formalizado coa persoa cedente un proxecto de cooperación e comprometerse a realizar un contrato de arrendamento ou compravenda para transferir a explotación. 

As bases publicadas constitúen o paso previo para a convocatoria das axudas, que se fará efectiva ao longo do vindeiro ano.