A Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia publicou este luns no Diario Oficial de Galicia (DOG) a orde pola que se convocan as axudas para favorecer a remuda xeracional no sector agro-gandeiro.
O orzamento total cífrase en 53 millóns de euros para este 2026. Uns 23 millóns irán destinados á incorporación de xente nova ao agro, mentres que arredor de 30 millóns van dirixidos a financiar os plans de mellora asociados a estas incorporacións.
Segundo indican desde o Departamento, esta nova convocatoria “busca responder tamén ao alto número de solicitudes que se recibiron para estas axudas en 2025, máis de 460 de maneira conxunta entre ambas as partidas”.
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir deste martes 10 de marzo. A xente nova que xa presentase a súa solicitude non terá que volver rexistrala e garantiránselle as mesmas condicións que tiña o ano pasado, especialmente en relación cos prazos dos investimentos e a idade máxima permitida (41 anos).