A partir das 9:00 horas, este luns, 6 de xullo, ábrese o prazo de presentación de solicitudes para a convocatoria de 2026 de axudas do Plan de Renovación de Maquinaria Agraria (Renove) do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA). A cantidade total coa que está financiado o paquete, enfocado principalmente á substitución de equipos e máquinas agrícolas, é de 9.550.000 euros. A documentación e información requirida para optar ás axudas poderá ser enviada ata o 5 de setembro.
Menor impacto ambiental
O fin da liña é reducir significativamente as emisións de dióxido de nitróxeno (NO₂) e outros gases contaminantes, ademais de tratar de controlar o consumo de gasóleo. A substitución de maquinaria, tal como indica a orde de convocatoria, deberá garantir en todo momento a maior seguridade posible na realización das tarefas de traballo no campo, ao mesmo tempo que o menor impacto ambiental posible.
Así como na convocatoria de 2025 foron incluídos por primeira vez os equipos de agricultura de precisión, na actual incorporáronse os robots agrícolas dentro desta mesma categoría. Desta forma, as bases reguladoras abranguen tanto as mencionadas como os tractores agrícolas, a maquinaria automotriz e a maquinaria arrastrada e suspendida.
Os requisitos e a especificación das subvencións están concretados no Real Decreto 1055/2021, do 30 de novembro, no que se indica que cada beneficiario poderá recibir a axuda para a compra dun único tractor, máquina ou equipo de agricultura de precisión novo. Indistintamente, o receptor poderá entregar para dar de baixa máis dun tractor ou máquina vella, sempre que sexan do mesmo tipo que a nova.
As solicitudes deben ser presentadas seguindo o modelo dispoñible na sede da páxina web do MAPA, de forma electrónica e acompañadas da acreditación do tipo de beneficiario, da factura completa da compra e da ficha técnica de emisións para tractores ou máquinas automotrices, entre outros.