O Consello Agrario aborda unha liña de axudas para as consecuencias económicas da guerra en sectores produtivos

O Consello Agrario aborda unha liña de axudas para as consecuencias económicas da guerra en sectores produtivos

Este venres, Luis Planas, ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) presidiu unha reunión do Consello Agrario, na que se tratou o estado actual das negociacións sobre a Política Agraria Común (PAC) para o período 2028/2034 e se abordou o impacto no sector do conflito bélico en Oriente Medio.

Coa negociación da PAC aínda aberta, Planas informou do mantemento da posición de España, que segue o acordado coas organizacións profesionais agrarias, cooperativas agroalimentarias e as comunidades autónomas. As reivindicacións fundamentais son manter como mínimo o mesmo orzamento que no actual período, que a PAC se manteña como unha política autenticamente europea, con regulamentos propios diferenciados do resto de políticas, e que non haxa renacionalización das intervencións sectoriais.

Un dos temas abordados na reunión, segundo o comunicado de prensa, foi o impacto do conflito de Oriente Medio no sector agroalimentario. No escrito, o departamento indica que "nos próximos días publicarase no Boletín Oficial do Estado a convocatoria da liña extraordinaria de axuda ao acceso ao financiamento a entidades do sector agroalimentario ICO-MAPA-SAECA cun orzamento de 300 millóns de euros". Igualmente, fai alusión ao tratamento dun novo paquete de axudas para afrontar as consecuencias do conflito en Oriente Medio, o cal sería aprobado o vindeiro luns no Consello de Ministros

Rexeitamento á proposta da Comisión Europea

O pasado venres, 19 de xuño, no Consello Europeo para a negociación do novo Marco Financeiro Plurianual foi abordada a proposta que os representantes nacionais trasladaron de aumentar os fondos para a PAC en España. Ademais de incrementar a dotación económica da proposta inicial da Comisión, o MAPA defende que non haxa cofinanciamento nacional, tal e como se propuxo, e que se preserve o carácter común da PAC.