A Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia publicou este venres no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución das axudas para o fomento do uso de maquinaria agrícola en común.
Destínanse 3,6 millóns de euros a 27 cooperativas galegas, tras a ampliación de crédito realizada. Trátase da segunda convocatoria sobre esta materia en 2025, e o orzamento súmase aos 2,4 millóns investidos na primeira.
O obxectivo destas subvencións é promover a utilización de equipamentos agropecuarios en réxime asociativo e fomentar a introdución de novas tecnoloxías. Ademais, desde a Consellería sinalan que estas axudas favorecen a racionalización dos custos de mecanización, incrementan os mecanismos de seguridade no traballo, reducen as emisións contaminantes e fomentan o aforro enerxético.
Estas subvencións van dirixidas a cooperativas agrarias e sociedades agrarias de transformación (SAT) procedentes de fusión. O importe da axuda que pode recibir cada beneficiario é do 35 % dos custos da maquinaria, con posibilidade de incrementarse ata un máximo do 50 %.