O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde do 21 de agosto de 2025, que establece as bases das axudas destinadas a promover o uso en común de instalacións e equipos agrícolas en réxime asociativo, ao abeiro do Plan estratéxico da Política Agraria Común de España 2023–2027 e cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). Estas axudas, con código de procedemento MR323C, permitirán apoiar proxectos que melloren a eficiencia dos recursos, a adaptación ao cambio climático, o benestar animal e o uso de enerxías renovables.
Establécese un investimento mínimo de 100.000 €, cunha contía máxima de axuda de 3.000.000 €, que poderá cubrir entre un 40 % dos custos elixibles, ampliable ata un 65 % en función de criterios como ser de interese estratéxico, contar con máis do 30 % de explotacións ecolóxicas ou ter máis do 50 % de mulleres titulares.
O prazo para presentar solicitudes arrinca o día seguinte á publicación no DOG e estenderase durante un mes. A tramitación farase exclusivamente por medios electrónicos a través da sede da Xunta de Galicia.
O financiamento previsto ascende a 4.095.000 €, repartidos ao longo de varios anos: 410.000 € en 2025, 1.640.000 € en 2026 e 2.045.000 € en 2027.