As axudas para o gasóleo agrícola e a compra de fertilizantes prolongaranse ata o 30 de xuño

As axudas para o gasóleo agrícola e a compra de fertilizantes prolongaranse ata o 30 de xuño

O pasado venres o Consello de Ministros do Goberno de España aprobou un real decreto lei de medidas extraordinarias para facer fronte ás consecuencias da guerra en Irán. O documento contempla liñas de apoio específicas para o sector agrario.

Establécese unha axuda directa aos agricultores para a compra de fertilizantes e unha subvención de 20 céntimos por litro para a compra de gasóleo de uso agrícola. Ademais, o sector poderá beneficiarse das axudas xerais aprobadas.

Axuda gasóleo agrícola

A axuda de 20 céntimos por litro prolongarase ata o 30 de xuño. Os agricultores e gandeiros que teñan dereito a ela non terán que realizar ningún trámite adicional. Considerarase solicitada coa presentación da solicitude da devolución do imposto especial sobre hidrocarburos, do que están exentos os agricultores e gandeiros. Para financiar esta medida contémplase un orzamento de 52 millóns de euros.

Axuda fertilizantes

Os fertilizantes son unha das materias primas que máis se encareceron polo conflito bélico e a medida trata de paliar o impacto dese incremento nas explotacións agrarias. Beneficiaranse non só os agricultores que reciben axudas da Política Agraria Común (PAC), senón tamén todos os que estean dados de alta nos rexistros de explotacións agrarias. O orzamento desta medida ascende a 500 millóns de euros.

Axuda financiamento

O real decreto lei amplía en 300 millóns de euros a liña de créditos ICO-MAPA-SAECA para o sector agroalimentario e pesqueiro. O fondo para a subvención do principal dos créditos dótase con 225 millóns de euros, mentres que os 75 millóns restantes se destinan a sufragar os avais da Sociedad Estatal de Caución Agraria (SAECA) necesarios para a obtención dos créditos.