En Can Domènech comezaron a traballar con reses en 1975, cando tiñan tres animais e eran tres persoas as que se encargaban do muxido. Hoxe, Marc e Josep Domènech xestionan a granxa coa axuda doutras dúas persoas e dispoñen de dous Lely Astronaut A5 para muxir as súas 116 vacas.
Debido a que non posúen unha gran superficie agrícola, compran boa parte do alimento destinado ao gando. Nos seus terreos cultivan raigrás, herba e sorgo, mentres que o millo, a alfalfa ou a palla, entre outros produtos, se adquiren externamente.
Á hora de incorporar os Astronaut, estudaron diferentes deseños para adaptar as instalacións aos robots da mellor maneira posible. A antiga sala de muxido aproveitouse para habilitar unha área de separación e os dous equipos instaláronse formando un L, cabeza con cabeza.
No deseño tiveron moi presente a localización da gandería, nunha zona de Cataluña onde durante os meses de verán se poden alcanzar temperaturas elevadas. Grazas á altura da nave, construíron unha plataforma que permitiu situar os robots nun dos espazos mellor ventilados das instalacións. “O obxectivo era favorecer o confort dos animais e que acudisen de modo voluntario ao muxido”, anota Camilo Gutiérrez, delegado de vendas de Lely en Cataluña.
Marc Domènech coincide en que a ventilación foi un dos aspectos aos que prestaron maior atención: “Buscamos que acudan durante todo o día. Cantas máis horas, mellor”.
O deseño da zona de muxido foi, de feito, unha cuestión que estudaron con detemento antes de executar a reforma. Tanto Josep Domènech como Camilo Gutiérrez inciden na importancia de pensar a instalación desde o punto de vista dos animais. “Hai que facer un deseño que saibamos que lles vai gustar ás vacas, que queiran entrar a muxirse”, puntualiza Gutiérrez. Por este motivo, deixaron, ademais, moito espazo diante dos robots, nunha zona aberta e con abundante luz natural.
A elección de robotizar con Lely
Aínda que Marc tiña claro que quería apostar pola automatización, o seu pai mantiña inicialmente algunhas dúbidas sobre o cambio. Despois de visitar varias granxas nas que puido comprobar o funcionamento do muxido robotizado e de coñecer a experiencia doutros gandeiros, acabou convencido de dar o paso: “Decantámonos por Lely porque vimos que estaba un chanzo por riba con respecto ás outras opcións do mercado, e seguímolo pensando”, asegura Josep Domènech.
O mozo Domènech explica que a robotización supuxo unha decisión moi importante para o futuro de Can Domènech, en especial porque tanto o seu pai como unha das persoas que traballa na gandería teñen xa unha idade avanzada. “Formulámonos que fariamos cunha sala de muxido a longo prazo. Non o viamos viable e a única opción que criamos que funcionaría serían os robots”.
Os dous A5 comezaron a operar en novembro de 2025. Marc recoñece que o período inicial esixiu un esforzo de adaptación: “Ao principio si que é un pouco duro, non hai que enganar a ninguén. Comezamos con moi pouco leite; de feito, mesmo baixamos un pouco. Pero, co paso das semanas, viamos que ía subindo o total, ata que chegamos a rexistrar cifras de 37,5 litros. O obxectivo agora é intentar seguir subindo e alcanzar os 40 litros”. A súa media de número de muxidos por vaca e día sitúase en 2,9.
A Josep Domènech sorprendéronlle positivamente distintos aspectos do funcionamento dos robots, entre eles a súa facilidade de manexo: “Un dos puntos que máis me gustou é o fácil que é utilizar tanto a pantalla coma o ordenador; resulta moi intuitivo. Déixolle a Marc o maior peso neste sentido, pero eu tamén vou aprendendo”.
Así mesmo, destaca a forma na que os animais se adaptan ao muxido: “Impresionoume a rapidez coa que se moxen as xatas: non se moven e a máquina ponlles as tetoeiras coma se nada. En xeral, os exemplares entran sós, con gran facilidade”.
Tráfico libre: as vacas marcan o seu ritmo
“Co tráfico libre os animais van moito máis tranquilos a muxirse, gústalles o A5. Canto mellor están, máis leite producen”, afirma Camilo Gutiérrez, que pon como exemplo as vantaxes que, ao seu xuízo, ofrece este sistema cando aparece algún problema de mobilidade: “Eu sempre digo que unha coxeira é moito máis fácil de recuperar en robot. Moves a vaca á área de separación, apartada, móxese e volve. Nunha sala ten que estar esperando e, ao estar coxa, probablemente sexa o animal que máis tempo estea de pé”.
Este sistema permítelles ás vacas muxirse cando queiran durante as 24 horas do día e organizar os seus momentos para comer, beber, deitarse ou relacionarse co resto do rabaño. “Nós temos que proporcionarlles unha ferramenta fiable, cómoda, silenciosa e que lles guste. Esa é a clave do A5”, apunta Gutiérrez.
O delegado de vendas de Lely en Cataluña conclúe que o Astronaut A5 está deseñado tendo en conta o comportamento da vaca. Dispón dun box amplo, de forma que o animal teña espazo durante o muxido, e o brazo acompaña os seus movementos, permitíndolle dar un paso cara adiante ou cara atrás. Ao tratarse dun espazo aberto, as vacas poden manter contacto visual coas súas compañeiras mentres se moxen, sen que estas interfiran no proceso.