Medio Rural da Xunta de Galicia eleva ata 3,6 millóns de euros as axudas para maquinaria agrícola en réxime asociativo

Medio Rural da Xunta de Galicia eleva ata 3,6 millóns de euros as axudas para maquinaria agrícola en réxime asociativo

A Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia vén de ampliar ata 3,6 millóns de euros a dotación da segunda convocatoria de 2025 das axudas destinadas ao fomento do uso de maquinaria agrícola en réxime asociativo. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde que autoriza este incremento orzamentario, que se suma aos 2,4 millóns investidos na primeira convocatoria do ano, da que se beneficiaron 34 cooperativas e sociedades agrarias de transformación (SAT) resultantes de procesos de fusión.

A segunda convocatoria fora publicada o pasado 5 de agosto cunha dotación inicial de 400.000 euros e a posibilidade de ampliarse ata 3,2 millóns. Coa nova orde, o orzamento aumenta finalmente ata os 3,6 millóns, sen modificar o prazo de presentación de solicitudes, que xa rematou.

O obxectivo destas subvencións é impulsar o uso compartido de maquinaria por parte de entidades asociativas do sector agrario, de maneira que se reduzan os custos de produción, se mellore a seguridade no traballo e se promova o aforro enerxético. As axudas cobren o 35 % do custo do equipamento, cun posible incremento ata o 50 % en determinados casos.