Sete millóns de euros para promover o emprego de maquinaria agrícola en réxime asociativo

A Xunta vén de publicar no DOG un paquete de axudas para fomentar a utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo de 7 millóns de euros ao longo dos próximos dous anos. Están financiadas co Instrumento de Recuperación da Unión Europea (EURI) no marco do PDR de Galicia 2014-2020.

orde da Consellería do Medio Rural establece que o obxectivo destas axudas é promover o uso de maquinaria e equipamentos de carácter agropecuario en réxime asociativo, impulsar a introdución de novas tecnoloxías no seu emprego e racionalizar os custos de mecanización. As axudas apoian, en concreto, os custos de adquisición de maquinaria agrícola e os honorarios dos técnicos encargados dos estudos técnicos-económicos de viabilidade do investimento ata un importe máximo de 1.000 euros.

Os beneficiarios poderán ser as cooperativas agrarias con sección ou servizo de maquinaria, as cooperativas de utilización de maquinaria agrícola común (CUMA), as cooperativas de explotación comunitaria da terra con cinco ou menos anos de antigüidade ou as sociedades agrarias de transformación nadas da fusión de dúas ou máis explotacións nos últimos cinco anos naturais.

O importe das subvencións será do 35% dos custos, unha porcentaxe que poderá incrementarse ata un máximo do 50% en función de criterios que priman a localización da entidade en zonas con limitacións naturais e o feito de que o beneficiario proceda dunha fusión de cooperativas.

Os interesados contan cun mes de prazo para solicitalas a partir de mañá. Deberán ser presentadas de xeito telemático a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.