Os centros escolares galegos obterán novamente máis dun millón de euros en axudas para a subministración de leite e outros alimentos

Os centros escolares galegos obterán novamente máis dun millón de euros en axudas para a subministración de leite e outros alimentos

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a resolución do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), adscrito á Consellería do Medio Rural, pola que se convocan para o curso 2025-2026 as axudas destinadas á subministración de leite, froita fresca e castañas ao alumnado dos centros escolares galegos, dotadas cun orzamento de algo máis dun millón de euros, financiados ao 100 % con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga).

Cada ano, máis de 80.000 alumnos e alumnas galegos consomen leite e froita durante o recreo nos centros escolares onde estudan grazas a estas axudas que xestiona o Fogga. En concreto, as achegas dispoñibles para o vindeiro curso escolar superan os 373.978,84 euros no apartado do leite.

Os centros educativos que queiran participar nos programas poderán presentar a súa solicitude ata o vindeiro día 29 de setembro. Poderán acceder a estas axudas os centros de educación infantil, primaria e secundaria. Haberá dous períodos de repartición autorizados, de novembro de 2025 a febreiro de 2026 e de marzo a xuño do vindeiro ano. A distribución do leite líquido terá lugar durante un mínimo de dez días lectivos seguidos.

A través desta liña de subvencións, a Consellería do Medio Rural pretende potenciar o consumo de leite e froita estre os nenos e nenas e a mocidade, creando así hábitos alimenticios saudables que poidan manter no futuro.