Publicadas as axudas concedidas pola Xunta de Galicia a 71 ADSG

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural pola que se dá publicidade ás axudas concedidas ás Agrupacións de Defensa Sanitaria Gandeira (ADSG) de Galicia beneficiarias na convocatoria de 2018-2019. Esgotado o crédito ata os 2,15 millóns de euros, beneficiaranse un total de 71 agrupacións.

O obxectivo destas axudas é mellorar o status sanitario das explotacións gandeiras galegas mediante a execución de programas zoosanitarios comúns e obrigatorios para a prevención e control de enfermidades dos animais. Os gastos subvencionables serán todos aqueles derivados da contratación de servizos técnicos veterinarios ou da remuneración do persoal veterinario responsable das agrupacións para a realización dos distintos programas zoosanitarios. Así mesmo, tamén se financiarán os gastos derivados da compra de material funxible como guantes e calzas, así como tubos de extracción de sangue e agullas, e cursos de formación para os gandeiros.

Grazas á aplicación destes programas, increméntase paulatinamente a rendibilidade das explotacións, diminuíndo as perdas ocasionadas por motivos sanitarios e facilitando o cumprimento da normativa vixente referente á identificación, benestar e sanidade animal.

O listado completo de beneficiarios pódese consultar nesta ligazón.