Até 61 proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea de Innovación (AEI) contarán até 2020 cun investimento de case seis millóns de euros que se destinarán a programas de produtividade e sustentabilidade agrícola e forestal que contribuirán a mellorar a competitividade das empresas agrarias galegas. Estarán cofinancinados pola Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).
Unha das gandarías beneficiarias destas axudas, a Gandaría Patalarga (A Guarda, A Pastoriza), recibiu esta mañá a visita da conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, quen destacou o compromiso desta explotación co avance do rural. Patalarga conta con 62 animais en muxidura que están producindo 450.000 litros anuais, dedican 47 hectáreas de terreo á produción de herba e actualmente están a desenvolver un programa de valorización do leite producido en explotacións ecolóxicas e convencionais. Este estudo, iniciado en 2016, aborda a relación entre a dieta dos animais e a calidade do seu leite, así como a sustentabilidade ambiental e económica das explotacións.
Neste caso, o programa conta cunha axuda de 108.576,9 euros e está desenvolvido polo Laboratorio Interprofesional Galego de Análise de Leite (Ligal), o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) e a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca).