Novas axudas para a creación e desenvolvemento de explotacións e a incorporación de mozos ao agro

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde pola que se presentan as novas axudas para o investimento en explotacións agrarias, a creación de empresas para os agricultores novos e o desenvolvemento de pequenas explotacións. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a contar a partir de mañá e realizarase vía electrónica a través do portal da Xunta de Galicia.

Os orzamentos destas axudas son de 40 millóns de euros para o investimento en explotacións, de 5 millóns para a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións e de 20 millóns para a incorporación de mozos.

Poderán solicitar axudas para a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións e para a mellora das explotacións titulares das mesmas que estean inscritos no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia. No caso das segundas, terán prioridade aquelas granxas que nos últimos 5 anos incorporasen ao seu persoal a algún agricultor novo, cren novas unidades de traballo agrario, presenten solicitude para proxectos innovadores ou integrados, teñan condición de explotación prioritaria, sexan de montaña e ecolóxicas e as de titularidade compartida.

No referente ás subvencións para a incorporación de mozas ao agro, están destinadas a persoas de entre 18 e 41 anos interesados en crear ou integrarse nunha actividade agraria e que conten coa capacidade profesional necesaria para iso.

Ver publicación completa no DOG