Medio Rural convoca as axudas para fomentar a utilización de instalacións e equipamentos en réxime asociativo

Medio Rural convoca as axudas para fomentar a utilización de instalacións e equipamentos en réxime asociativo

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan as axudas a proxectos de explotación conxunta de instalacións e equipamentos de carácter agropecuario en réxime asociativo. Destinaranse 5.875.000 euros a estas achegas, que están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do PDR de Galicia 2014-2020.

Van destinadas ás cooperativas agropecuarias e o seu obxectivo é mellorar os resultados económicos das explotacións agrarias e facilitar a reestruturación e modernización das mesmas, co fin de incrementar a súa participación e orientación cara o mercado, así como a diversificación agrícola. Ademais, busca reducir as emisións dos gases efecto invernadoiro e de amoníaco procedentes da agricultura.

O importe das subvencións será do 40 % dos custos elixibles, que poderá incrementarse ata un máximo do 60 % en función da aplicación de criterios relacionado con operacións en agricultura ecolóxica, fusión de cooperativas, investimentos en zonas con limitacións naturais ou vinculadas á innovación. Nesta liña, establécese un investimento mínimo subvencionable de 100.000 euros.

O prazo de solicitude é dun mes a contar dende o mércores 28 de setembro, o día seguinte á publicación da orde.