A Xunta destina 2,4 millóns de euros a 24 cooperativas para o uso de maquinaria en réxime asociativo

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, comprobou hoxe na localidade pontevedresa de Agolada os traballos de plantación da herba e, seguidamente, visitou as instalacións da cooperativa agraria O Rodo, situada no concello veciño de Rodeiro.

O conselleiro sinalou que esta cooperativa foi unha das beneficiarias das axudas –que se veñen de resolver, na súa convocatoria de 2020– para fomentar o uso de maquinaria agrícola en réxime asociativo e destacou que estas achegas suporán un investimento de 2,4 millóns de euros no campo galego para un total de 24 cooperativas agrarias de comunidade galega.

Anticipo da PAC

Na súa visita, José González tamén lembrou que entre onte e hoxe comezaron a abonarse os anticipos da PAC, que suporán un ingreso de preto de 38 millóns de euros para os agricultores e gandeiros da nosa comunidade.

Servizo de substitución gratuíto para afectados pola covid-19

Por outra banda, o conselleiro sinalou que a Xunta ofrece un servizo de substitución gratuíto para as explotacións e pequenas industrias do campo que teñan persoal en corentena pola covid-19. A empresa pública Seaga porá a disposición, a demanda dos propios posibles afectados, cuadrillas de persoal para substituír actividades esenciais como a alimentación do gando, o muxido das vacas ou a xestión de produtos perecedoiros, entre outros traballos.

Os interesados neste servizo simplemente deberán solicitalo mediante unha petición telemática polo procedemento xenérico da sede electrónica da Xunta (PR004A), xunto cunha declaración responsable da veracidade dos datos. A continuación, unha vez comprobados os datos (alta no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, entre outros), as solicitudes serán remitidas a Seaga, para que contacte co solicitante e envíe a cuadrilla correspondente.