A Unión Europea chega a un primeiro acordo para o reparto de fondos da nova PAC

O Consello de Ministros de Agricultura e Pesca da UE iniciado este luns en Luxemburgo alcanzou un primeiro acordo para a repartición dos fondos da futura Política Agraria Común (2021-2027). O ministro español de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, mostrouse satisfeito co acordo e sinalou que se “corresponde exactamente co que España pedira”.

Esta PAC, a cal definiron como “a máis ambiental das últimas reformas”, destinará o 40 % do novo orzamento (47.274 millóns de euros) a obxectivos ambientais, así como a reforzar o papel de agricultores e gandeiros a fin de asegurar a súa rendibilidade, algo que planean levar a cabo a través da aposta polos ecoesquemas (axudas complementarias para cumprir con prácticas beneficiosas para o medioambiente). En concreto, espérase que un 60 % das axudas directas vaian destinadas á axuda básica á renda, mentres que o 20 % das mesmas sexan para os ecoesquemas, que comezarán a aplicarse en 2023, coa entrada en vigor da nova PAC.

Un 60 % das axudas irán destinadas á axuda básica á renda e o 20 % aos ecoesquemas

De acordo coas declaracións emitidas polo voceiro de Agricultura, “esta PAC conta cun financiamento suficiente para responder a todos os grandes retos que se expoñen. Co aprobado hoxe, pódense cumprir eses obxectivos ambientais, tamén os de redución de emisións e aqueles que nos conducirán a unha economía descarbonizada na Unión Europea no 2050”. Así mesmo, Planas destacou que o sector primario “sen dúbida” contribúe a estes cumprimentos, que están en liña cos acordos de París e cos obxectivos do Pacto Verde da UE.

Integrar o enfoque de xénero, reducir a burocracia e apoiarse na transición dixital para a transformación ambiental serán outras das guías centrais de traballo para a PAC dos próximos anos, que comezará a aplicarase o 1 de xaneiro de 2023. Haberá un período transitorio (2021 e 2022) durante o cal agricultores e gandeiros seguirán percibindo as axudas conforme ao novo orzamento aínda que coas regras da anterior PAC.

 

A XUNTA DE GALICIA EXPRESA A SÚA LEALDADE CO GOBERNO CENTRAL PERO PIDE QUE SE ATENDAN AS ESPECIFICIDADES DE CADA COMUNIDADE NO REPARTO DOS FONDOS

 

Inflexibles na defensa dos intereses dos agricultores, gandeiros e silvicultores galegos e fieis ao Goberno central. Así resumiu esta mañá a postura do executivo galego con respecto á futura PAC o conselleiro do Medio Rural da Xunta de Galicia, José González.

O conselleiro lamentou a rebaixa do 10 % no orzamento, xa que supón unha “perda do peso relativo destas partidas no conxunto das contas comunitarias, algo que cómpre compensar cos fondos de reconstrución”. En relación con isto, reclamou que o Goberno fortaleza os orzamentos para o sector primario a partires dos fondos de reconstrución, definindo e concretando o que lle vai corresponder aos agricultores e gandeiros dos 750.000 euros destas achegas.

Así, por unha banda, González indicou que “non podemos estar satisfeitos” cos resultados provisionais. Referiuse nestes termos ao decreto sobre a xestión das dexeccións gandeiras que está a elaborar o Goberno central e sobre o que a Xunta presentará alegacións en contra.

Por outra banda, valorou en positivo tanto a transición cara unha PAC máis verde como a proposta de ecoesquemas. Para esta transición, González pediu “máis tempo e diñeiro” e lembrou que os agricultores e gandeiros son os primeiros interesados na defensa dese compromiso ambiental. Ademais, en canto aos ecoesquemas, o voceiro da Xunta deu por bo o feito de que se manteña unha achega do 20 % das axudas do primeiro piar para esta finalidade, así como os dous anos de período transitorio para implementar as medidas.