O prazo de axudas da PAC, aberto ata o 30 de abril

Entre as principais novidades que presenta esta convocatoria, cabe destacar que se establece unha nova definición para os pastos permanentes. Así, para as superficies de pastos arbustivos ou con arboredo, xa non é esixible a predominancia de cuberta de herba ou forraxes herbáceas, sempre e cando as especies arbustivas ou arbóreas sexan utilizadas na alimentación do gando. Por outra banda, no que respecta ás axudas a zonas con limitacións naturais (ZLN) distintas das zonas de montaña, destaca o incremento no número de concellos nos que os agricultores e gandeiros poderán beneficiarse da achega, pasando de 89 a 179.

Mantense, como na pasada convocatoria, o período principal de cultivo, que vai do 15 de xaneiro ao 15 de abril para os agricultores con máis de 10 hectáreas de terras con obrigas de diversificación de plantacións. Estes mesmos agricultores vense favorecidos coa simplificación nas superficies de interese ecolóxico (SIE) cando a dita terra de cultivo supere as 15 ha, ademais dunha maior flexibilización nos requisitos de diversificación cando máis do 75% dos terreos estean cubertos por herba ou outras forraxes herbáceas ou por parcelas en barbeito.

Con respecto ao pago complementario para agricultores mozos, este increméntase do 25 ao 50% do importe do pago básico. Tamén se flexibiliza o período no que poderán solicitar a axuda respecto da data da incorporación, co fin de facilitarlle a súa integración á actividade agraria.

O prazo para presentar a solicitude única comeza hoxe e prolóngase ata o vindeiro 30 de abril, sendo obrigatorio no caso galego facelo por vía electrónica e dirixida ao Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) a través do formulario que se pode atopar neste enlace.

Unha vez finalizado este prazo e ata o 31 de maio os solicitantes poderán presentar peticións de modificación mediante para eliminar, cambiar ou engadir réximes de pagamentos directos, medidas de desenvolvemento rural, parcelas individuais ou dereitos de pago individuais.