O Boletín Oficial do Estado (BOE) recolle hoxe a convocatoria do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (Mapa) para a solicitude de subvencións para financiar a compra de maquinaria agrícola. O prazo para presentar as solicitudes comeza mañá, día 30 de abril, e finaliza o 1 de setembro de 2021.
As subvencións estarán destinadas á obtención de avais da Sociedade Anónima Estatal de Caución Agraria (Saeca) para os titulares de explotacións agrarias ou empresas de servizos agrarios que garantan préstamos para a adquisición de maquinaria agrícola nova.
Prevese que o orzamento da convocatoria, de 3 millóns de euros, xere un efecto multiplicador de ata 50 millóns de euros. A subvención destinarase a promover a renovación do parque de maquinaria agrícola mediante a mellora do acceso ao crédito ligado á adquisición de maquinaria nova. Desta maneira contribúese á redución dos custos de produción, á mellora das condicións de seguridade no traballo e á incorporación das mellores prácticas agrarias dende o punto de vista ambiental.
CONDICIÓNS
- O Mapa subvencionará o custo do aval a créditos destinados á compra de maquinaria por un importe de ata 100.000 euros durante os 10 primeiros anos, coa posibilidade dun ano de carencia.
- A maquinaria adquirida deberá estar incluída no grupo de máquinas de obrigatoria inscrición nos Rexistros Oficiais de Maquinaria Agrícola.
- Entre outras máquinas inclúense tractores, remolques agrícolas, cisternas para o transporte e distribución de líquidos, equipos de tratamentos fitosanitarios ou de distribución de fertilizantes, remolcados ou suspendidos, esparexedores de xurros e accesorios de distribución localizada de xurros.