O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicaba onte unha orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas de compensacións complementarias e axudas para a reposición dos animais en explotacións de gando bovino, ovino e cabrún, como consecuencia do sacrificio obrigatorio de animais en execución de programas oficiais de erradicación de enfermidades.
Así, por unha banda, esta orde regula dous procedementos que se atopan na sede electrónica da Xunta de Galicia e que se corresponden cos dous períodos de tempo nas axudas complementarias (lucro cesante). En primeiro lugar, coas axudas de compensacións complementarias en explotacións de gando bovino, ovino e cabrún no período no que non se permite a incorporación de novos animais (período de baleiro). En segundo termo, coas subvencións de compensacións complementarias en explotacións de gando bovino, ovino e cabrún no período dende que se autoriza a incorporación de novos animais, ata que esta se fai efectiva (período de postautorización).
Por outra banda contémplanse, ademais das axudas para compensación, aquelas destinadas á compra de animais das especies bovina, ovina e cabrúa que teñan por obxecto a reposición de efectivos, naquelas explotacións rexistradas en Galicia en que se ordenou o sacrificio de animais destas especies, despois do diagnóstico dunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial de vixilancia, loita, control ou erradicación.
Tamén se incluirán os casos de animais desas especies que morresen neses marcos sanitarios oficiais citados, e os casos de morte/sacrificio deses animais como consecuencia dun programa oficial obrigatorio de vacinación.
O prazo para a presentación de solicitudes e, se é o caso, da correspondente documentación complementaria iníciase hoxe, 17 de febreiro, e estenderase ata o día 30 de novembro de 2021.