Concedidas as axudas para o fomento da utilización de maquinaria agrícola común en Galicia

A conselleira do Medio Rural anunciouno durante unha visita ás instalacións da cooperativa Aira en Taboada
Concedidas as axudas para o fomento da utilización de maquinaria agrícola común en Galicia

Un total de 63 entidades galegas, entre cooperativas e sociedades agrarias de transformación, beneficiaranse este ano das axudas da Consellería do Medio Rural para a utilización de maquinaria agraria en común. De entre os beneficiarios, 29 son da provincia da Coruña, 18 de Lugo, 15 de Pontevedra e 1 de Ourense. Así o explicou esta mañá durante a súa visita ás instalacións da sociedade cooperativa Aira a conselleira Ángeles Vázquez. Precisamente esta cooperativa recibirá parte das axudas: 300.000 euros que destinarán á compra dun tractor, autocargador, dous cabezais de herba, un carro mesturador, unha macroempacadora, unha pala telescópica e unha segadora rotativa.

Un orzamento ampliado

O pasado mes de xullo ampliouse o orzamento para esta liña de subvencións ata os 4,8 millóns de euros, un 61% sobre o valor inicial, co fin de dar así resposta a todas as solicitudes que cumprían os requisitos establecidos na orde. Desta forma, o investimento realizado ascendeu a máis de 12 millóns de euros, entre compra de maquinaria e gastos derivados de estudos técnico-económicos de viabilidade.