Ampliado o prazo para presentar a licenza de obra nas axudas para plans de mellora, incorporación de mozas e pequenas explotacións

A Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia acaba de anunciar a ampliación do prazo de presentación de licenza municipal de obra e dos diferentes permisos administrativos relacionados coas axudas de plans de mellora, de incorporación de mozos ao agro e de pequenas explotacións. Deste xeito, a data límite, fixada orixinalmente para o 15 de setembro, alárgase un mes até o 15 de outubro.

Segundo a Consellería, esta decisión tómase como resposta ás demandas tanto de particulares como de entes públicos que requirían unha maior marxe de tempo para poder entregar e xestionar toda a documentación necesaria para realizar as solicitudes. A modificación do prazo límite farase efectiva desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.