Soben ata os 7,8 millóns de euros as axudas para promover o uso de maquinaria agrícola en réxime asociativo

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan achegas de 7,8 millóns de euros nas axudas para o fomento de utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo na convocatoria correspondente aos anos 2023-2024. Isto supón un incremento por riba do 11 %.

Poderán ser beneficiarias destas axudas as cooperativas agrarias con sección ou servizo de maquinaria, as de utilización de maquinaria agrícola en común (CUMA), as de explotación comunitaria da terra con cinco ou menos anos de antigüidade ou as sociedades agrarias de transformación nadas da fusión de dúas ou máis explotacións nos últimos cinco anos naturais. 

As axudas apoian os custos de adquisición de maquinaria agrícola e os honorarios dos técnicos encargados dos estudos técnicos-económicos de viabilidade do investimento. O seu obxectivo é promover o uso de maquinaria e equipamentos de carácter agropecuario no réxime asociativo, impulsar a introdución de novas tecnoloxías no seu emprego e racionalizar os custos de mecanización.

O importe das subvencións será do 35 % dos custos, unha porcentaxe que poderá incrementarse ata un máximo do 50 % en función de certos criterios. Como novidade, increméntanse ata os 600.000 euros o volume total do investimento subvencionable por cada beneficiario. O investimento mínimo para recibir axuda é de 20.000 euros. Os interesados contan cun mes de prazo a partir de mañá para solicitalas de forma telemática a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.