Mazaricos sacará a poxa 21 exemplares de raza frisona este domingo

Mazaricos sacará a poxa 21 exemplares de raza frisona este domingo

O recinto feiral da Picota (Mazaricos, A Coruña) acollerá este domingo, 29 de novembro, a XVII Poxa de Xovencas de Raza Frisona Memorial José Moreira, na que está prevista a participación de 21 animais procedentes de 11 ganderías da provincia.

No marco da Semana Gandeira de Mazaricos, o Concello, Africor Coruña e Gandeiros de Mazaricos organizan unha nova edición desta cita, que ten como obxectivo potenciar a comercialización de animais nados e criados en granxas da provincia da Coruña integradas en Control Leiteiro.

Nesta ocasión, o catálogo está integrado por tres xovencas xestantes, 17 primeirizas e unha vaca de segundo parto, pertencentes ás ganderías Blanco de Lago, Ganadería Nuveira e Grille (Mazaricos); Cabanas (Santiago de Compostela); Codelo (Malpica); Francés e Gandería Colorado (Dumbría); Ganadería Queirugueira (Val do Dubra); Granxa Cundins (Zas); Granxa O Canteiro (Vimianzo) e Río Paz (Ponteceso).

A entrada dos animais no recinto feiral terá lugar o sábado 28 de novembro, entre as 10:00 e as 14:00 horas, e durante a tarde permanecerán expostos ao público. A poxa dará comezo o domingo ás 11:00 horas.

Ademais, Xenética Fontao agasallará cada comprador con tres doses de seme do touro Milord e outras tres de Feitizo. Unha vez rematada a poxa, sortearanse diversos agasallos valorados en 2.000 euros.

A cita conta co patrocinio de Abanca e coa colaboración da Consellería do Medio Rural e da Deputación da Coruña.

Ver libro da poxa