Galicia premia os seus mellores queixos na XXIX Cata dos Queixos

Galicia premia os seus mellores queixos na XXIX Cata dos Queixos

A cerimonia de entrega de premios da XXIX Cata dos Queixos e da XXV Cata dos Meles de Galicia celebrouse este martes, 24 de novembro, en Santiago de Compostela. No certame queixeiro participaron 98 mostras de 39 industrias, case un 50 % máis que na pasada edición.

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou no acto, no que destacou a calidade diferenciada como ferramenta para fortalecer o rural galego e incidiu na importancia da transformación das materias primas para xerar valor engadido, crear emprego e fixar poboación. Neste sentido, lembrou que Galicia xa procesa máis do 75 % do leite que produce.

No que respecta ás catro denominacións de orixe protexidas (DOP) do sector lácteo galego, os galardóns de ouro recaeron en Pazo de Anzuxao (Queixo Tetilla), Queinaga (Arzúa-Ulloa), Catadoiro (San Simón da Costa) e Castelo (Cebreiro). Nas modalidades de queixos curados, os vencedores foron Artelac (Arzúa-Ulloa), Daniberto 200 Días de Curación (San Simón da Costa) e Santo André (Cebreiro).

A principal novidade desta edición foi a incorporación de seis subcategorías de Artesanía Alimentaria, nas que resultaron gañadores Castelo, Daniberto 200 Días de Curación, Mourelo (Gandería Quintián), 1949 Oveja Curado (Queixos Feijoo), Savel (Airas Moniz) e Trisquel (Queixos Feijoo). Pola súa parte, na categoría de queixos de produción ecolóxica certificada polo Craega, Arqueixal obtivo o ouro e o queixo Peregrino, de Casa Grande de Xanceda, a prata.