Publicadas as axudas destinadas ás entidades do control leiteiro en Galicia

Publicadas as axudas destinadas ás entidades do control leiteiro en Galicia

O Diario Oficial de Galicia publicou este xoves unha resolución da Consellería do Medio Rural na que adxudica 750.000 € ás entidades oficialmente recoñecidas para a realización do control do rendemento leiteiro correspondentes á convocatoria de 2024.

Tres agrupacións beneficiaranse desta axuda, en concreto as asociacións provinciais Africores da Coruña, Lugo e Pontevedra. No reparto da contía, a entidade lucense percibirá 355.575 €, Africor Coruña ingresará 329.100 €, mentres que a sociedade pontevedresa recibirá 65.325 €.

Esta liña de axudas pretende compensar, en parte, os gastos xerados ás entidades oficialmente recoñecidas para a realización do control leiteiro en Galicia, en atención aos importantes beneficios que o sector no seu conxunto recibe pola implantación xeneralizada deste sistema. As actividades subvencionables a realizar polas entidades beneficiarias serán todas aquelas destinadas a comprobar sistematicamente as producións e outras aptitudes funcionais das femias reprodutoras leiteiras, para a determinación do valor xenético e os méritos e outras capacidades dos animais, no marco dun programa de cría aprobado oficialmente para a raza.

Estas axudas veñen dar continuidade aos convenios de colaboración levados a cabo entre a Xunta e as asociacións de control leiteiro desde 2010. Desde esa data, dotáronse máis de 11 millóns de euros para a realización de probas para determinar o rendemento leiteiro do gando vacún dentro do Programa Galego de selección e mellora da raza Frisona.