Novas axudas en Galicia de máis de 4 millóns de euros para a adquisición de maquinaria agrícola en común

Novas axudas en Galicia de máis de 4 millóns de euros para a adquisición de maquinaria agrícola en común

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria da Consellería do Medio Rural sobre as axudas destinadas ao fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo cunha dotación de 4.150.000 euros. Están dirixidas a cooperativas e sociedades agrarias de transformación (SAT), que poderán financiar todo tipo de maquinaria de uso común, sempre que supoñan unha redución de custos de produción ou incrementen a súa produtividade.

Os obxectivos desta orde son promover a maquinaria e equipamentos de carácter agrogandeiro en réxime asociativo, fomentar a introdución de novas tecnoloxías no seu emprego, racionalizar os custos de mecanización, incrementar os mecanismos de seguridade no traballo, reducir as emisións contaminantes e fomentar o aforro enerxético na procura dunha mellora da calidade de vida no medio rural.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Estas axudas están financiadas co Instrumento de Recuperación da Unión Europea (Euri) e prevese a súa continuidade nos próximos anos dentro das medidas do Plan Estratéxico da PAC (Pepac).