Nova convocatoria de axudas en Galicia para a mellora de explotacións e a incorporación de mozos e persoas de 41 a 55 anos á actividade agrogandeira

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural para apoiar os investimentos nas explotacións agrícolas, para a creación de empresas de agricultores mozos ou para persoas de entre 41 e 55 anos, e para o desenvolvemento de pequenas explotacións, cun orzamento de 47 millóns de euros. O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses desde o día seguinte ao da publicación da orde no DOG.

Con estas achegas búscase mellorar a estrutura produtiva das explotacións galegas e avanzar na consecución dunha adecuada dimensión e un correcto equilibrio dos seus factores de produción, co obxectivo de mellorar a competitividade. Así mesmo, procúrase acadar un rexuvenecemento da poboación activa agraria e fomentar o emprego no sector, con especial consideración cara ás mulleres, coa meta final de fixar poboación no rural.

Estas subvencións pertencen ao Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020. O orzamento está cofinanciado nun 12 % pola Administración Xeral do Estado, nun 28 % pola Xunta e nun 60 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).