Medio Rural publica os modelos para solicitar a inclusión ou a intermediación no Banco de Explotacións

Medio Rural publica os modelos para solicitar a inclusión ou a intermediación no Banco de Explotacións

O Diario Oficial de Galicia publicou este mércores a orde da Consellería do Medio Rural pola que se establecen os modelos normalizados das solicitudes de inclusión de propiedades e de intermediación no Banco de Explotacións.

Estes modelos habilitaranse na sede electrónica da Xunta de Galicia e figurarán na Guía de procedementos e servizos.

O Banco de Explotacións pretende ser un instrumento público de intermediación para facilitar o contacto entre os titulares de propiedades agroforestais que abandonan a actividade e as persoas interesadas en asumir a xestión das granxas mediante compra ou arrendamento. Foi creado pola Lei 11/2021 de Recuperación da Terra Agraria en Galicia.

Unha vez se resolvan as solicitudes de inclusión, poñerase en funcionamento un visor público, que permitirá a localización e visualización das características principais das explotacións susceptibles de tramitación.

O proceso de transmisión de propiedades estará tutelado pola Administración autonómica, a través da rede de oficinas rurais. Calquera persoa interesada poderá dirixirse á súa oficina rural para informarse sobre este asunto e recibir asesoramento.

O prazo de presentación de admisións manterase aberto durante todo o ano.