O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a resolución do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), adscrito á Consellería do Medio Rural, pola que se convocan para o vindeiro curso escolar as axudas destinadas á subministración de leite, froita fresca e castañas ao alumnado dos centros escolares galegos, dotadas cun orzamento que supera o millón de euros.
Os centros educativos que queiran participar nos programas poderán presentar a súa solicitude ata o 20 de setembro. Optan a estas axudas os centros escolares de educación infantil, primaria e secundaria. O orzamento conxunto para este vindeiro curso chega aos 1.023.000 euros; no apartado do leite, supéranse os 378.000 euros.
Haberá dous períodos de repartición autorizados, de novembro de 2024 a febreiro de 2025 e de marzo a xuño do vindeiro ano. En cada período, a distribución do leite terá lugar durante un mínimo de dez días lectivos seguidos. A través desta liña de subvencións búscase potenciar o consumo destes alimentos entre os nenos e mozos, creando así hábitos alimenticios saudables que poidan manter no futuro.