As agrupacións de defensa sanitaria gandeira galegas reciben en axudas 2,28 millóns de euros

As agrupacións de defensa sanitaria gandeira galegas reciben en axudas 2,28 millóns de euros

A Consellería do Medio Rural amosa o seu apoio ás agrupacións de defensa sanitaria gandeiras (ADSG) con 2,28 millóns de euros. Estes fondos servirán para financiar o traballo que realizan estas entidades co obxectivo de desenvolver os programas facultativos de prevención e control de enfermidades animais, ademais de participar na rede galega de epidemiovixilancia deste tipo de doenzas. As axudas, xa publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG), benefician a 63 ADSG para o período 2024-2025.

Os programas de planificación zoosanitaria subvencionados con esta orde levaranse a cabo entre o 1 de marzo de 2024 e o 28 de febreiro de 2025. O obxectivo principal das axudas é seguir mellorando o estado sanitario das explotacións galegas a través da execución de programas zoosanitarios comúns para a prevención e control de enfermidades dos animais.

As ADSG tamén facilitan o cumprimento da normativa vixente referente á identificación, ao benestar animal e á sanidade animal. A través destas axudas, preténdese avanzar na integración dos gandeiros nestas entidades, ao establecer achegas proporcionais ao esforzo económico que realizan as agrupacións nos mencionados programas.