As Agrupacións de Defensa Sanitaria Gandeira (ADSG) poderán acceder en 2025 en Galicia a axudas por un total de 2,28 millóns de euros, segundo a convocatoria publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG). O prazo para solicitar estas axudas, convocadas pola Xunta de Galicia, será dun mes a contar a partir de mañá.
Estas subvencións están destinadas a apoiar o labor destas entidades no desenvolvemento de programas facultativos de prevención e control de enfermidades animais, así como na súa participación na rede galega de epidemiovixilancia. Os programas subvencionables abranguerán o período comprendido entre o 1 de marzo de 2025 e o 28 de febreiro de 2026, co obxectivo de mellorar as condicións hixiénico-sanitarias e o benestar das explotacións gandeiras, elevando o seu nivel produtivo e contribuíndo a un mellor status sanitario da cabana gandeira galega.
As ADSG desempeñan un papel clave na identificación, sanidade e benestar animal, facilitando o cumprimento da normativa vixente. Con estas achegas, preténdese fomentar a integración de gandeiros nestas agrupacións, adaptando as axudas ao esforzo económico que realizan na execución dos programas. Ademais, as ADSG teñen a capacidade de aplicar medidas sanitarias adicionais nas explotacións asociadas, en función das condicións sanitarias da zona e das características específicas de cada agrupación. Isto permite unha mellor vixilancia e control de enfermidades como a lingua azul ou a enfermidade hemorráxica epizoótica.