A Consellería do Medio Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se fan públicas as axudas concedidas ás entidades recoñecidas como Agrupacións de Defensa Sanitaria Gandeira (ADSG), cunha dotación total de 2.280.000 euros. O obxectivo destes fondos é apoiar o labor que desenvolven estas entidades na implementación de programas sanitarios e de planificación zoosanitaria. En total, 63 ADSG serán beneficiarias destas axudas para o período 2025-2026.
As actuacións financiadas contribúen a mellorar as condicións hixiénicas das granxas, favorecen o benestar animal, aumentan o nivel produtivo e sanitario e fortalecen a saúde do gando galego.
O fin principal das subvencións é avanzar na mellora do estado sanitario das ganderías galegas mediante a execución de programas zoosanitarios comúns para a prevención e control de enfermidades dos animais. Por iso, no contexto do mercado actual, manter a salubridade animal resulta esencial para controlar determinadas doenzas, garantir a rendibilidade das granxas e a comercialización dos animais e dos seus produtos.
As ADSG xogan un papel clave no cumprimento da normativa vixente en materia de identificación, benestar e sanidade animal. Con estas axudas preténdese tamén fomentar a integración dos gandeiros nestas entidades, ao ofrecer un apoio proporcional ao esforzo económico que realizan na posta en marcha e mantemento destes programas.