Convocadas axudas para plans de mellora, incorporación de mozos e apoio a pequenas explotacións

Convocadas axudas para plans de mellora, incorporación de mozos e apoio a pequenas explotacións

O Diario Oficial de Galicia (DOG) ven de publicar as bases das axudas cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do PDR de Galicia 2014_2020. Nesta ocasión, están dotadas con 42 millóns de euros destinados a plans de mellora nas explotacións agrícolas, á creación de empresas por persoas agricultoras mozas e ao desenvolvemento de pequenas explotacións.

Ás bases mantéñense sen cambios respecto do ano pasado. Os interesados teñen un mes de prazo a contar dende mañá para presentar a súas solicitudes.

CRITERIOS DE ADXUDICACIÓN

As axudas para a incorporación de persoas mozas concederanse pola execución do plan empresarial e consistirá nunha contía básica establecida en 20.000 euros, que se poderá incrementar en función de factores como os gastos tras a posta en marcha ou o asentamento en zonas con limitacións naturais ou doutro tipo.

O importe da axuda para os plans de mellora será do 30 % dos custos elixibles e poderá incrementarse ata un máximo do 50 % en función dos criterios recollidos (idade, número de socios, limitacións naturais…).

En canto ás pequenas explotacións, a achega ascende a 15.000 euros e concederase pola execución do plan empresarial, que terá unha duración de 18 meses dende a aprobación da mesma.