Do 25 ao 28 de xaneiro de 2027 levarase a cabo unha nova cita mundial promovida polo National Mastitis Council sobre a calidade do leite. O evento, que terá lugar en Jacksonville, Florida (EE. UU.), reunirá numerosos expertos internacionais que analizarán os retos do sector.
O National Mastitis Council [Consello Nacional da Mamite] é unha organización internacional dedicada a reducir a mamite bovina, mellorar a calidade do leite e fomentar a investigación no ámbito leiteiro. O veterinario galego Alfonso Lago forma parte da directiva da entidade como vicepresidente e actúa como organizador do congreso.
“Da ciencia á acción” é o lema escollido pola organización para o encontro. “Xeramos moito coñecemento, pero tense que traducir en decisións prácticas, en ferramentas útiles e en accións concretas”, destaca Lago. Así mesmo, subliña que “cada vez temos novas tecnoloxías e máis capacidade para analizar datos, pero isto adquire valor cando se transforma en decisións”.
Á espera de coñecer o programa definitivo, Alfonso Lago afirma que “tocaremos todos os temas que afectan a calidade do leite, a saúde do ubre e o control da mamite. Isto engloba varios aspectos, pero, sobre todo, o da practicidade. Promoveremos que os relatores non só informen do que saben, senón que nos axuden a aplicar eses coñecementos nas diferentes áreas nas que traballamos: máquina de muxido, camas, hixiene do ambiente, tratamentos de enfermidades e uso selectivo de antibióticos”.
Precisamente, a sesión inaugural leva por título “Converter o coñecemento en impacto”. A continuación, falarase da vaca, do ubre, do patóxeno e da resposta inmune; do manexo alimentario que fortalece a saúde do ubre; das rutinas de muxido, e do diagnóstico e tratamento da mamite. Ademais, poñerase en valor a calidade do leite coma vantaxe empresarial e trataranse as aplicacións de chatbots de intelixencia artificial e a transformación de datos en accións prácticas de manexo.
Nesta edición, a organización pretende facer especial fincapé na nutrición. “Nunha visita a Galicia falei con dous gandeiros que descoñecían a miña especialización en calidade do leite. Un deles comentoume que tiña moi pouca mamite e lograba unha boa calidade do leite. Entón, eu pregunteille cal cría que era o aspecto que máis influía na súa granxa para obter eses resultados. Respondeume de xeito contundente: iso é a calidade do silo. Aos poucos días, atopeime con outro profesional que me contou que en 2024 tiveran uns recontos celulares moi altos e achacou o problema tamén a que tiveran un silo malo. Polo tanto, creo que non falamos demasiado de nutrición cando tratamos a calidade do leite e é unha ferramenta de manexo importante”.
Problemas comúns
No National Mastitis Council reúnese xente de todo o mundo que se forma e comparte experiencias. Alfonso Lago considera que, á marxe de situacións puntuais, os temas que se abordan en relación coa calidade do leite son comúns. “É certo que, se pensamos nun país onde temos moito Staphylococcus aureus, non creo que o tratamento selectivo da mamite sexa a nosa principal recomendación. Non obstante, de maneira xeral, as preocupacións son globais. Vendemos leite nos nosos países, pero Europa, Estados Unidos, Nova Zelandia etc. exportan moito leite. Polo tanto, se nos referimos á súa calidade, os estándares deben ser internacionais”.
“Obviamente, as experiencias dos países en cada área específica poranse en discusión. Nos comités de calidade, máquinas de muxido, desinfección do ubre, redución do uso de antibióticos, etc. haberá non só representación dos Estados Unidos, senón tamén do Canadá, países de América Latina, Asia ou Europa”.
O congreso de Jacksonville englobará todos os elos da cadea de produción. “É un dos puntos de diferenciación. Existen congresos só de científicos ou de veterinarios, pero o National Mastitis Council inclúe científicos, técnicos, veterinarios, compañías farmacéuticas, empresas de servizos e tamén os produtores. Na miña experiencia profesional, o que máis me enriqueceu foi falar con gandeiros que me contan as súas observacións e experiencias ou interactuar con técnicos de campo ou científicos cos que non sempre tes ocasión de intercambiar opinións. Atópanse certos perfís que, aínda que quizais non coñecen moito sobre a nosa área, achegan o aire fresco que nos fai pensar diferente e avanzar”.
Vaca Pinta, socio estratéxico
Este medio únese como partner do evento para axudar á súa difusión no sector. Alfonso Lago considera esta revista técnica “un referente internacional en comunicación en lingua española. Está presente na península ibérica, en América do Sur e, espero que no futuro, tamén en América do Norte. Agora mesmo é unha das canles de difusión máis relevantes en español sobre o vacún leiteiro. Lena os técnicos e os produtores, está accesible en oficinas gobernamentais e universidades. Reflicte á perfección esa conexión entre todas as partes do sector”.
Nas próximas semanas, na web do congreso (nmconline.org) estarán dispoñibles as inscricións. Alfonso Lago anima as persoas interesadas a participar: “Que veñan con ganas de interactuar e coñecer. O National Mastitis Council desenvolveu os sete puntos de control da mamite que temos no protocolo internacional: muxido hixiénico, desinfección posmuxido, tratamento de mamites clínicas, manexo de vacas crónicas, mantemento do equipo, secado selectivo e inmunidade e prevención alternativa. Asistir a este congreso é unha maneira de sentirse parte deste proceso. Será en Florida, un lugar moi ben comunicado, ao lado do mar. Vai ser unha boa oportunidade para coñecer, interactuar e comprobar como se xera o coñecemento na nosa área”, conclúe.