Agaca leva a Agrovalor 2026 o Proxecto Ancares sobre sostibilidade no sector lácteo

Agaca leva a Agrovalor 2026 o Proxecto Ancares sobre sostibilidade no sector lácteo

A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) presentou o Proxecto Ancares durante as xornadas Agrovalor 2026, celebradas os días 21 e 22 de setembro en Lugo e organizadas pola Universidade de Santiago de Compostela. Víctor Coira, responsable do departamento de Calidade e Innovación Alimentaria de Agaca, foi o encargado de expoñer esta iniciativa centrada no desenvolvemento de ferramentas para avanzar cara a unha xestión máis sostible das ganderías de vacún de leite de Galicia e Asturias.

O proxecto, denominado “Ferramentas innovadoras para a análise do uso do solo e nivel de carbono en agroecosistemas de rexións lácteas sostibles”, traballa no desenvolvemento e implementación dunha ferramenta dixital capaz de caracterizar o territorio, avaliar a saúde dos solos e cuantificar o potencial de secuestro de carbono das ganderías. O obxectivo é facilitar a toma de decisións na xestión dos seus recursos e favorecer prácticas máis sostibles.

Para iso, Ancares desenvolve probas piloto nas que se comparan distintas estratexias de cultivo e fertilización, entre elas a fertilización habitual fronte ao uso de dixestato. Tamén combina técnicas de teledetección, drons e mostraxes de biomasa para detectar deficiencias de nitróxeno, analizar a capacidade de secuestro de carbono e estudar a resposta dos solos e os cultivos a diferentes recursos, co fin de determinar como poden axustarse ás necesidades de cada granxa.

En Ancares participan Agaca e Central Lechera Asturiana en representación do sector lácteo; a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Oviedo na área científica; o Centro Tecnolóxico e Forestal da Madeira (Cetemas), encargado do desenvolvemento tecnolóxico, e Medrar Smart Solutions, responsable da coordinación. O proxecto iniciouse en xaneiro de 2026 e prolongarase ata xaneiro de 2029.