O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou hoxe a resolución das axudas directas da Consellería do Medio Rural para paliar as consecuencias da enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE), na que se recollen as máis de 2.600 granxas beneficiarias. Con estas axudas continúase compensando as mortes dos animais positivos por esta enfermidade e, ademais, subvenciónanse os custos dos tratamentos veterinarios e desinsectantes dos animais e instalacións das granxas afectadas nos anos 2023 e 2024.
As contías por animal falecido van dos 400 euros por bovino menor de catro meses ata os 1.600 euros para aqueles de idade maior ou igual a 18 meses, e menor de 120, o que implica duplicar a contía media que recibían os gandeiros por este mesmo concepto ata o de agora. Sobre as axudas dirixidas aos tratamentos veterinarios e desinsectantes de animais e instalacións, as contías concedidas son de 100 euros por animal afectado, no caso dos tratamentos, e de 20 euros por animal censado na explotación, ata un máximo de 4.000 euros por granxa, nos desinsectantes. O esforzo orzamentario para paliar as consecuencias da EHE é de arredor de 5,6 millóns de euros.
Estas axudas, ao seren directas, permiten reducir a carga burocrática para os gandeiros, polo que os titulares das explotacións só terán que presentar unha aceptación da axuda sen necesidade de achegar ningunha outra documentación.
A resolución publicada hoxe elaborouse coincidindo co final do período de actividade do mosquito vector transmisor da doenza, co obxectivo de que opten á axuda a maioría das granxas afectadas no presente ano. Os beneficiarios deberán presentar, no prazo dun mes a partir de mañá, a aceptación destas axudas. Posteriormente, faranse as comprobacións pertinentes para emitir a resolución final coa lista de beneficiarios e, de ser o caso, proceder ao pago.