Dentro deste debate aparece un protagonista, tamén discutido, o CO2. E asumindo a súa influencia como gas de efecto invernadoiro, malia a súa participación case testemuñal na composición da atmosfera polo menos nesta etapa histórica da vida da Terra, deberiamos centrar a nosa atención naquela parte xerada pola actividade humana, parte que, pola súa vez, é minoritaria no total de CO2 producido. E así chegamos a fixarnos no CO2 producido (xunto co metano, CH4) polas nosas queridas vacas, xunto a outros ruminantes domésticos. Dos ruminantes salvaxes, que son unha cantidade nada desprezable, non podemos dicir nada, non sexa que sexamos tachados de inimigos da natureza.
Ese papel culpable das vacas nos problemas que o clima nos poida ocasionar é aceptado sen dicir nin mu por todos os expertos, non vaia ser que sexan sinalados ante os demais se opinan algo diferente. Pero, se nos esquecemos de todo isto e usamos como ferramentas unhas básicas nocións de bioloxía, atopámonos cunha situación que non se parece en nada a esa suposta realidade.
É difícil facer un cálculo exacto das emisións dunha vaca en forma de CO2 e CH4, como demostra o feito de que mesmo os expertos estiveron variando os seus cálculos e dun xeito moi significativo. A isto tamén contribúe o feito de que esas cifras varían moito segundo a raza, o nivel produtivo, tipo de inxestión etc.
O CH4 ten unha vida media de entre 12 e 14 anos, de tal xeito que desde o día en que apareceron as vacas na face da terra estiveron aumentando a súa cantidade no aire ata 12 anos despois. A partir de aí, o nivel dese gas relacionado coas vacas mantívose estable porque o producido se compensaba co destruído. Polo tanto, non imos botarlle a culpa de nada en relación coas vacas.
Recoñecendo que a exactitude das cifras é case imposible de conseguir, fagamos un exercicio de razoamento e estudemos os conceptos básicos para ver que conclusións sacamos.
Supoñamos que unha vaca emite entre CO2 e CH4 unhas cen unidades, das cales de CO2 serán aproximadamente 80 (do metano esquecémonos, como vimos). Pero, ademais, a vaca elimina máis carbono noutras formas: formación dos seus propios tecidos (carne, graxa, óso, pelo…), a súa produción de leite, as feces e urina, e algunha outra cousa menor. E iso implica moito, moito, moito carbono.
Imos supoñer que lle damos un valor estimado e pouco optimista de 150 unidades, é dicir, unha vaca emite 250 U de carbono, das cales 80 son as malas malísimas do CO2. De onde obtén a vaca esa cantidade de carbono, tendo en conta que a materia non se “crea”, só se trasforma? Pois do que come. E o que come son basicamente PLANTAS (a graxa e proteína animal son unha porción mínima), e as plantas obteñen ese carbono do aire, a través da fotosíntese.
Agora tócanos facer uns cálculos, que non por aproximados deixan de ser moi instrutivos. As vacas comen plantas de dous tipos: os considerados forraxes e os que chamamos concentrados, e, no peor dos casos, pode ser ao 50 % (na gandería extensiva sería máis forraxes). Da forraxe aproveitamos sobre un 90 %, porque desaproveitamos raíces e o principio do talo. Como precisamos achegar a metade de 250 C, o cálculo é 125 x 0,9 = 139 C que temos na planta. Do concentrado supoñamos que aproveitamos o 50 % porque só usamos o gran; daquela, 125 x 0,5 = 250 C. En total, temos que para que unha vaca emita 80 U de carbono ten que comer plantas que eliminan do aire un total de 139 + 250 = 389 U.
Hai que recoñecer que os labores agrícolas realizados, sobre todo para cultivar os concentrados, tamén emiten CO2; como hai que dar unha cantidade e para que non pareza que arrimamos a ascua á nosa sardiña, poñémoslle unhas 150 U e facemos a conta final: 389 - (150 + 80) = 159 U de carbono que eliminamos da atmosfera, porque a vaca está onde está.
Agora, que os expertos afinen os cálculos cos seus sisudos estudos, pero, sen dúbida, van confirmar a idea xeral de que, grazas ás vacas, reducimos as emisións de CO2 á atmósfera, e non ao contrario. E niso poden empregar os vindeiros anos.