JOSÉ ANTONIO FERNÁNDEZ GARCÍA

Incendios e sanidade animal

Incendios e sanidade animal
O título deste artigo de opinión, nun principio, leva a pensar que ambos os dous termos non gardan relación ningunha, pero, como vou argumentar a continuación, algo teñen en común. Levo días meditando, con moito enfado e tristura, co que sucedeu na miña amada terra galega, incendios de gran magnitude e en moitos lugares ao tempo, o nunca visto; o inferno chegou á nosa paradisíaca terra. Parece que Hefesto, deus grego do lume, ou Vulcano, o seu homólogo romano, nunha loita titánica entre ambos se empeñaron en converter a nosa adorada Galicia na súa particular fragua. Máis en Vaca Pinta 55.

Sen entrar en disquisicións políticas, semella lóxico pensar que as medidas de prevención de incendios non son suficientes para facer fronte a unha maior incidencia destes, en parte debido ao cambio climático e outras causas que non imos analizar. En Galicia gástase cinco veces máis en contención e loita contra o lume que en prevención, o cal indica que isto non funciona. Haberá que modificar as partidas orzamentarias para estes fins, ou mesmo amplialas para evitar, ou, polo menos, minimizar, estes desastres na natureza, pero isto déixoo nas mans dos nosos enxeñeiros de Montes e enxeñeiros técnicos forestais que temos na Administración, os cales considero que son os máis capacitados para tomar as medidas necesarias.

Eu realmente quero falar de sanidade animal, non de incendios, pero observo unha certa similitude entre o que sucede con estes últimos e o que pode suceder na nosa cabana gandeira coas doenzas emerxentes e reemerxentes.

O cambio climático, con veráns máis calorosos e invernos máis suaves, os intercambios de mercadorías, a mobilidade de persoas e animais a nivel global traen como consecuencia a reemerxencia de enfermidades que considerabamos erradicadas e, noutros casos, a introdución de novas enfermidades que nas nosas latitudes non existían, como é o caso da enfermidade hemorráxica epizoótica do gando vacún.


As medidas preventivas, todas as posibles, sen escatimar gastos, sempre van ser máis eficaces e menos custosas que proceder a emendar e indemnizar desastres

A miña pregunta é a seguinte: “Estamos tomando as medidas preventivas necesarias e suficientes para evitar un desastre nas nosas ganderías?”

O que temos ata agora foi unha problemática lexislativa: reais decretos que se aprobaron e despois se derrogaron ante a presión de determinados sectores, nalgúns casos con motivacións políticas sen rigor científico-técnico. Neste punto cabe lembrar aquel RD que establecía a obrigatoriedade do veterinario de explotación e o Plan Sanitario Integral como piares para manter as nosas ganderías controladas no aspecto sanitario que rematou derrogándose poucos meses antes da súa entrada en vigor.

Actualmente, temos o RD 346/2025, onde se establecen unha serie de visitas zoosanitarias e o cumprimento duns requisitos sanitarios mínimos das nosas ganderías, o cal, ao meu entender, está entre bastidores e non parece que haxa moito interese en desenvolvelo e aplicalo de forma decidida.

En Galicia contamos tamén coa proposta política do partido gobernante para elaborar unha nova normativa en relación coas agrupacións de defensa sanitaria gandeiras co obxectivo de asegurar a súa extensión a todo o territorio, así como de incrementar as axudas a estas entidades, pero ata a data segue a ser unha proposta.

En definitiva, o que quero apuntar é que as medidas preventivas non se están a implementar debidamente. Non sei a causa, saberana os nosos dirixentes políticos, pero podo afirmar que non é porque non teñamos bos profesionais veterinarios —que os hai, tanto na nosa Administración coma no ámbito privado. Outra cousa é que se teñan en conta os seus consellos desde o poder político.

Agora empezamos a ter a espada de Damocles da dermatose nodular contaxiosa, unha enfermidade que afecta ao vacún transmitida por diversos tipos de insectos. Xa a temos en España e, se non se extreman as precaucións, máis pronto que tarde vai chegar a Galicia. Tamén hai que ter en conta a posible chegada ao noso país da gripe aviaria que afecta ao vacún e á especie humana, o cal constitúe un problema de Saúde Pública. En ambos os dous casos urxe tomar medidas claras e firmes, incluíndo as medidas lexislativas que sexan precisas. Outro problema é a propagación da lingua azul cos serotipos 3 e 8 polas nosas terras; quizais o non establecer unha pauta de vacinación obrigatoria contra eses serotipos non foi a mellor decisión.

Para rematar, quero recalcar que as medidas preventivas, todas as posibles, sen escatimar gastos, sempre van ser máis eficaces e menos custosas que proceder a emendar e indemnizar desastres. Non entendo por que os dirixentes políticos son tan reticentes a gastar en prevención, pois a experiencia indícanos que tarde ou cedo temos un problema e, coma sempre, píllanos desprevenidos.

Por desgraza, os incendios terían que facer pensar mellor a xestión que teñen encomendada os nosos políticos e, se non teñen coñecementos para levala a cabo, o cal semella ser bastante frecuente, deberían apartarse e deixar intervir a profesionais cualificados para que tomen todas as decisións e as medidas técnicas necesarias sen interese electoral.