Fun buscar ao baúl as camisetas e polos do ano pasado e atopei esta camiseta que me agasallaron os amigos de Vaca Pinta, os nosos veciños galegos, o cal me fixo lembrar tres cuestións sobre as que estiven reflexionando estes días na soidade do traballo no tractor:
- Ás veces andamos con rivalidades entre o norte e o sur, entre o continente e as illas, entre Portugal e España, pero somos máis parecidos do que pensamos; hai xente boa en todas as partes e benefícianos enormemente estreitar lazos, comunicarnos e traballar xuntos.
- Os agricultores teñen que vestir con camisetas e gústalles “suar a camiseta” —que casualidade! Estou a escribir isto cun polo dunha marca de sementes de millo—. Estádesme escoitando, provedores dos agricultores? E a xente das queixerías e das grandes empresas de lácteos, das adegas cooperativas etcétera, etcétera? Os agricultores sentiranse orgullosos de vestir a vosa/nosa camiseta e facervos publicidade de balde.
- Xa de paso, ao persoal das queixerías, dos iogures, de todas as agroindustrias que transforman os produtos agrícolas do prado ao prato e se queixan da falta de espazo nos estantes da distribución e dos custos de facer publicidade: cando teñan un produto novo, un queixiño novo, un iogur novo, o novo produto coa proteína de moda, o novo zume, patacas fritas, a nova polpa de tomate… agasállenlle cunha mostra a cada un dos agricultores, que son os seus provedores… E se van comezar agora, ofrezan o que xa teñen en stock e que moi probablemente quen vos abastece non coñece. Será un xeito de agradecer o traballo que está detrás de vós e tamén un xeito de mostrar o traballo que facedes para poñer en valor o produto de orixe a través da innovación e a transformación, algo que, a miúdo, é descoñecido por quen está detrás, xente que pode converterse en orgullosos influencers ao poñer a camiseta e dicirlles aos seus amigos, veciños e coñecidos: “Eu xa o probei, podedes confiar!”.
P. D. A andoriña está aí atrás en voo picado cazando as moscas que levantei ao sachar o millo e lembrándome que aínda non rexistrei os niños de andoriñas do meu establo como me pediron.