JAUME SERRABASSA

O hoxe é o día máis importante

Nesta edición do Concurso Nacional da Raza Frisona, Conafe decidiu renderlle homenaxe a un bo amigo. Gandeiro, xuíz internacional e, en resumidas contas, un entusiasta do vacún leiteiro, Jaume Serrabassa é un home moi querido e respectado no sector, e nós non podiamos deixar pasar a oportunidade de reproducir nas seguintes liñas as palabras que nos quixo transmitir a todos os que asistimos ao certame. Máis en Vaca Pinta 48.

Cando hai cousa dun par de meses me comunicaron que querían facerme esta homenaxe, non sabía se ilusionarme ou máis ben avergoñarme, pero, pensándoo e reflexionando, decidín que sería un gran momento para agradecervos a todos os que me demostrastes o voso cariño e que, aínda como estou, me amosades o voso apoio incondicional.

En primeiro lugar, grazas a Conafe por todo o que fixestes por min. Puiden percorrer todo o país, moitas rexións de Europa e algunhas de América do Sur xulgando concursos e tiven a oportunidade de establecer coñecementos e relacións que perdurarán para sempre. Quedo, ademais, co trato de privilexiado que tivestes comigo. Sentinme moi querido.

Non tería estado en Conafe de non ser pola figura do meu mentor, que foi, é e será para sempre Gabriel Blanco. El foi quen me ensinou todo. Refírome con isto aos coñecementos en morfoloxía das vacas e, sobre todo, ao xeito de ser e de estar, e case ao xeito de vivir. Da súa man tiven a oportunidade de poder xulgar o concurso europeo de holstein roxas. El foi tamén quen pensou en min como profesor de Luces, e tedes que crerme cando digo que foi unha das mellores experiencias da miña vida. Alí puiden facer moi bo equipo con Bonet Cid e Xavi Álvarez, ademais doutros profesores e colegas. Baixo o meu punto de vista, non sei se resulta máis pracenteiro e enriquecedor adquirir novos coñecementos ou compartir e ensinar as aprendizaxes asimiladas ás novas xeracións. Grazas aos pais dos mozos por confiarnos os seus fillos.

Grazas ao meu irmán, con quen formamos durante moitos anos un gran tándem. El levoume a Battice para a Escola de Novos Gandeiros, que foi marabillosa. El confioume un traballo que nunca tería imaxinado ser capaz de exercer como comercial, e co que tiven a oportunidade de coñecer moitas persoas que se foron convertendo en amigos, ou máis que amigos. Grazas a todos eles por comprenderme e por deixar que os aconsellase.


“Dígovos que calquera situación pode ser peor e que toca vivir así, e punto; vivir o día a día sen deixar de loitar”

Grazas a Miquel Eroles e a Pol Collell que, despois dunha etapa laboral nas súas explotacións, me axudan a manter o prefixo de Comas Novas na descendencia das vacas da miña propiedade. Grazas polo voso traballo diario, que se viu recompensado con diferentes campionatos, ademais de con dous premios de Mellor Criador compartidos. Grazas pola vosa amizade e pola vosa confianza cega nos meus consellos.

Grazas a AFCA por permitirme xulgar o Rexional de Torrelavega cando xa comezaba a asomar a enfermidade, aínda sen diagnóstico ningún. Que mellor praza para xubilarme.

Grazas a Xixón. Esta cidade forma parte da miña vida. Vivín momentos inesquecibles nesta pista e coa xente que, ano tras ano, nos damos cita aquí.

Grazas a todos os amigos que me acompañades un día tras outro, que atopades un momento para facer unha chamada ou para enviar un whatsapp, ou que mesmo cruzades o país para visitarme e compartir un cachiño comigo.

E, finalmente, grazas a meus pais, que son extraordinarios, e especialmente a miña nai, que sempre foi a miña referencia e o piar onde se sostén a nosa familia.

Son un privilexiado por poder despedirme de vós ata cando se poida. Algúns non puideron facelo, e téñoos moi presentes. Dígovos que calquera situación pode ser peor e que toca vivir así, e punto; vivir o día a día sen deixar de loitar. O hoxe é o día máis importante. Gocemos da vida, que pasa moi rápido.

MOITAS GRAZAS