Detrás desta realidade, gandeiros, veterinarios, nutricionistas, técnicos, asesores e empregados das explotacións fixemos un enorme esforzo para modernizar as granxas, mellorar a eficiencia, coidar cada vez máis o benestar dos animais e ofrecerlle ao consumidor un produto saudable e de altísima calidade.
O vacún de leite xa no pode entenderse coma unha actividade tradicional sen máis; hoxe é unha actividade altamente profesionalizada e estratéxica para o medio rural, unha evolución que puidemos acadar grazas a unha etapa de mellores prezos e de certa estabilidade nos contratos lácteos.
Se botamos a vista atrás, o sector puido operar coa tranquilidade que había moito tempo que non coñecía, o que permitiu planificar, investir, incorporar tecnoloxía, avanzar en sostibilidade e intentar mellorar cada día as condicións laborais das persoas que traballan nas ganderías.
Por todo iso sorpendeunos tanto a actitude de algunhas industrias na última renovación de contratos. A nosa preocupación, coma gandeiros, non procede unicamente da baixada de prezos, senón tamén do xeito no que se presentaron as propostas e do clima xerado na negociación con cada un de nós. Os produtores non somos unha parte allea ao sector; somos provedores e, ao tempo, a base sobre a que se sostén toda a cadea láctea.
Gandeiros, industrias e distribución estamos obrigados a entendernos se queremos que o sector lácteo español siga sendo líder e competitivo. Aquí non se trata de buscar bos e malos nin de abrir unha guerra entre elos da cadea; trátase de asumir que, cando unha parte se debilita, o conxunto termina resentíndose.
Para seguir producindo leite cos estándares de calidade, benestar animal, seguridade alimentaria e sostibilidade que nos esixe o mercado, necesitamos estabilidade nos prezos, contratos equilibrados e unha actitude positiva na negociación. Todo iso non debe concibirse coma un privilexio; debe ser condición sine qua non para continuar a producir como se debe. Non podemos poñer en risco todo o conseguido.
Considero que sería un grave erro volver utilizar o leite como produto reclamo ou entrar de novo en guerras de prezos que só serven para banalizar un alimento esencial. Neste tempo, o consumidor entendeu mellor o valor do leite, aceptou pagar un prezo máis xusto e tomou conciencia de que detrás de cada litro hai traballo, compromiso e produto nacional.
O leite non pode tratarse coma un simple gancho comercial. É un alimento de enorme calidade, producido en España por profesionais que cumpren exixencias cada vez maiores. Por respecto ao consumidor, ao gandeiro e ao propio futuro do sector, non deberiamos permitir que se devalúen todos estes conceptos coma se se tratasen dun puñado de area entre os dedos.
O sector lácteo español é forte e preparouse de xeito excelente para o futuro, pero necesita equilibrio, respecto e responsabilidade compartida. Coidemos o que tanto nos custou construír para seguir avanzando e no desandar un camiño que xa percorremos.