O sector lácteo galego foi medrando en todos os sentidos: tamaño das granxas, importe de investimentos, número de animais, volume de produción e calidades; en boa parte, debido a unha evolución positiva dos prezos.
Ao contrario do que sucedía hai 10 anos, cando os nosos gandeiros tiñan que saír fóra para ver o que outros estaban facendo, agora son os nosos produtores de leite os que son referencia a nivel europeo, e as súas granxas reciben moitos gandeiros e gandeiras que veñen doutros territorios a ver, coñecer e aprender cal é o segredo para o triunfo das nosas explotacións.
Ao quitarnos de enriba ese corsé das cotas lácteas, puidemos desenvolver todo o noso potencial e, desde entón, non deixamos de medrar ata chegar ao momento actual, no que levamos 3 anos batendo récords de produción (o último ano chegamos a producir 3.088.325 toneladas). Ademais, ano tras ano imos incrementando o contido en graxa e proteína, ata chegar á produción máis alta na historia de Galicia nestes sólidos do leite. E estamos a conseguir estes resultados nun momento no que o leite de Galicia representa a porcentaxe máis alta que nunca con respecto ao total do leite producido en España (máis do 42 %). E por riba, cada vez somos quen de transformar máis materia prima na nosa terra, o que se traduce en máis valor engadido, en definitiva, máis riqueza.
No que se refire aos prezos, se facemos un percorrido por esta última década, podemos ver que tras o fin das cotas en abril do ano 2015 sufrimos un fonda crise de prezos e de volume provocada pola adecuación á nova realidade do mercado. Non obstante, de cara ao segundo semestre do ano seguinte, Galicia foi quen de saír desa crise e a partir de 2016 o sector non deixou de acrecentarse.
En 2023 tivemos un reaxuste dos prezos, xa que foran subindo en escalada ata alcanzar os case 59 céntimos por litro. Esta sucesión de cotizacións ascendentes freou ao chegar a primavera dese ano, pois era necesario realizar un cambio de tendencia para situarnos en consonancia cos prezos europeos, que xa comezaran a baixar 6 meses antes. Na segunda parte do ano 2024 os prezos volveron á senda da recuperación, ata escalar de novo ata aos 53 céntimos por litro.
En España, debido á obriga establecida polo Paquete Lácteo, deben existir contratos de subministración para un período e cun prezo negociado entre produtores e compradores. A regulamentación específica do sector lácteo en España e Galicia provoca que en certos momentos esteamos nunha situación allea aos mercados lácteos europeos e mundiais, sobre todo en contextos de alta volatilidade. Non obstante, esta realidade non evita alteracións no mercado galego.
Aínda así, lonxe de asumir a resignación como resposta, coido que se dan as condicións axeitadas para que o sector ofreza unha resposta colectiva e compartida entre produtores e industrias. Apelo así á corresponsabilidade de todos os axentes implicados no sector lácteo, co fin de acadar a estabilidade nos prezos que reforce a competitividade das explotacións galegas.
Con todo, en ningún caso semellan xustificados axustes pronunciados nin prolongados no tempo. O entendemento entre os distintos chanzos da cadea de valor antóllase como a mellor medicina nun mercado mundial que confía na recuperación de prezos de cara ao segundo semestre do ano.
O sector lácteo galego é un sector maduro que foi aprendendo a convivir coa alta volatilidade dos prezos e acadou unha alta capacidade de adaptación ao mercado nos últimos tempos. Estou segura de que nesta ocasión o sector do leite en Galicia volverá a estar á altura das circunstancias e saberá aproveitar esa vantaxe que nos deron os altos prezos do leite nos últimos anos, durante os que tamén se rexistraron cotizacións contidas dos insumos. A esta conxuntura positiva cómpre sumar tamén a fortaleza dun sector, que, unha vez máis, superará con éxito unha nova primavera.