ALFONSO RAFFIN DEL RIEGO

A nova lei do medicamento pode acabar cos veterinarios de campo

A nova lei do medicamento pode acabar cos veterinarios de campo

Hoxe non curo enfermidades de animais. Non uso medicamentos. Pero fun veterinario rural. Escribín unha novela (Leche de vaca, 2024) onde queda reflectida a dura vida tanto do gandeiro coma do veterinario rural. Onde se ve o compromiso social de ambos. Onde se constata a súa paixón e o seu amor polos animais. Máis en Vaca Pinta 53.

Non quedan gandeiros. Os fillos dos gandeiros non queren selo. E non quedan veterinarios rurais de vacas, ovellas, cabras e porcos, que auxilien os poucos gandeiros que sobreviven e loitan acotío por sacar o seu negocio adiante. E van quedar menos da cuarta parte. Que está a pasar?

Antes, os veterinarios, maioritariamente curabamos vacas, porcos, burros e o que nos pedisen. Día e noite, fins de semana, cheos de merda, contraendo enfermidades como a brucelose. Que atractivo podía ter iso para ninguén? Levabamos medicamentos no coche e solucionabamos ao día 20 casos, fodendo as costas, pero sen computadores nin burocracias. Algúns gañaron moito diñeiro, algúns matáronse nunha curva. A quen interesaba iso?

O gandeiro sempre dixo que cobrabamos moito. Pero había onde elixir. E nunca quedaron desatendidos.

Antes apenas había mascotas e aos cans e gatos non se lles operaba nin se lles daba penso. Pero, a cada vez máis triste vida nas cidades, fóra de todo contacto coa natureza, fixo que todo o mundo teña mascota. Hai moitas máis ca nenos. E iso é un negocio impresionante!


Se o gandeiro non apoia o veterinario nunha nova lexislación que lle permita usar e dotar o gandeiro do necesario en cada vaca enferma, só haberá vacas sas e vacas no matadoiro. Só haberá farmacias e comerciais, pero non veterinarios de campo

As poderosísimas empresas farmacéuticas puxéronse a traballar e orientar os seus recursos cara ás mascotas. E os farmacéuticos dixeron: “Aquí agora hai moito diñeiro”.

Convenceron o Goberno para que todo teña que pasar por eles. E dixeron: “Veterinario, ti corre, mira, pensa, aguanta a trabada do can, esquiva a patada da vaca, a rifa do gandeiro, as extravagancias da señora do gato, os papelames… volve se non cura. Eu agardarei aquí coa miña bata limpa a que veñan mercarme o medicamento”.

Argumentan, que, se non están eles aí, vendendo e cobrando, o veterinario vai tratar co máis caro para lucrarse. Meu Deus… sempre vivimos mirando pola economía do dono do animal, arriscando ás veces con tratamentos máis conservadores.

Tamén convenceron os gobernantes de que pasar pola comercial ou pola farmacia garante que non se usen antibióticos ás toas e logo non haxa con que tratar os humanos. Cando eu procuraba non poñerlle nada á vaca que pasase ao leite e multase o gandeiro, ías a unha farmacia e a nai da farmacéutica dábache amoxicilina para o catarro ou calquera caixa que tivese por alí e fose parecida.

Se o gandeiro non apoia o veterinario nunha nova lexislación que lle permita usar e dotar ao gandeiro do necesario en cada vaca enferma, só haberá vacas sas e vacas no matadoiro. Só haberá farmacias e comerciais, pero non veterinarios de campo. As receitas virán de Francia ou de non sei onde. E os gandeiros xa non terán un profesional, que, polo menos, os escoite.