Malia que chega ao 100 % dos fogares españois, a categoría do leite perdeu o 30 % do volume nos últimos vinte anos debido, principalmente, a dous motivos: o descenso da natalidade –os nenos son os grandes consumidores de leite– e a perda de valor continua dun ingrediente tan nobre. Máis en Vaca Pinta 50.
Tras realizar un exercicio poñendo ao consumidor no centro, chegamos á conclusión de que o leite é unha categoría que lle segue ofrecendo o mesmo que hai vinte anos e cos mesmos formatos: botella de 1 litro, botella de 1 ,5 litros… e pouco máis; non evolucionou co consumidor coma si o fixeron o resto das categorías. Só engadimos ou quitamos ingredientes, sen achegar máis beneficios. E o leite é moito máis ca unha mera bebida esencial, por iso penso que a nosa estratexia debe ser transformar cada pinga nun momento de nutrición e pracer para todo o mundo.
O plan ha de estar enfocado en deixar de vender leite líquido para vender beneficios para o consumidor e neste sentido temos unha misión fundamental: converter este alimento nun símbolo de nutrición e de desfrute co propósito de coidar das persoas e do noso medio.
No noso caso, a estratexia co leite básico está encamiñada a defender a proposta de valor a través do que denominamos a “nutrición esencial”, co fin de proporcionar solucións que axuden na nutrición esencial do consumidor no seu día a día ao longo da súa vida.
En segundo lugar, queremos ofrecer o coidado a través da “nutrición avanzada”, con produtos que proporcionen beneficios funcionais, con novos produtos que axuden á mobilidade integral con tres beneficios: a forza, a estabilidade e a elasticidade. Nun vaso de leite os consumidores poderán tomar a suplementación necesaria para protexer músculos, ósos e articulacións: isto é darlle valor ao leite, non desprestixialo.
Pero non só se trata de satisfacer a nutrición básica e avanzada dos consumidores: quen di que non se pode gozar dun bo lácteo? Por iso estou convencida de que se deben ofrecer solucións para elevar o consumo dos lácteos ao pracer sen deixar de coidar dos cidadáns. Se mo permiten, un bo exemplo é a bebida de leite mesturado con zume de froitas que a nosa empresa lanzou ao mercado a finais dos anos 90 e que se converteu nunha categoría icónica, unha necesidade de consumidor.
Dende a nosa empresa seguimos a traballar nesta liña, porque nos parece moi importante contribuír a impulsar a categoría láctea, porque o merece e porque é un ingrediente tan versátil que non podemos seguir banalizando.
Temos que volver darlle valor ao leite achegádollo á categoría, e iso é o que nós sempre tentamos facer desde hai máis de cincuenta anos.
O sector ten a obriga de reivindicar a súa posición no mercado con propostas de valor que devolvan o leite ao lugar que merece, coidar da hostalería e ofrecer innovación adaptada ás necesidades actuais, sen esquecernos do planeta.
























