XABIER IRAOLA AGIRREZABALA

A traizón de Úrsula

A traizón de Úrsula

Hai un ano, as tractoradas dos produtores europeos asaltaron prazas e estradas do vello continente, evidenciando un cabreo xeneralizado ante unha Unión Europea que, paso a paso, vai dando mostras dun crecente desinterese polo seu sector primario, por unha desagrarización das súas políticas e por unha asfixiante burocratización do sector produtor que, cada vez máis, se ve abocado a encher infinidade de papeis, aínda que iso sexa a conta de deixar de producir. Máis en Vaca Pinta 54.

As protestas do ano pasado fixeron reaccionar a case todos os gobernos e autoridades do continente europeo e a Comisión Europea, coa xermana Ursula Von der Leyen á fronte, soubo tomar o pulso ao momento, ler correctamente a situación sociopolítica e anunciou unha serie de cambios para fortalecer a PAC, retardar a ambición ambiental da política agraria e, ao tempo, simplificar a maraña normativa adoptando unha serie de medidas para reducir a burocracia.

Pois ben, un ano despois, máis concretamente o pasado 16 de xullo, soubemos, tras escoitar a presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen, presentando as liñas xerais do Marco Financeiro Plurianual (MFP), que todo o devandito un ano antes era un finximento, puro teatro, para saír viva da presión dos tractores.


Tras escoitar á presidenta da CE, Ursula Von der Leyen, presentando as liñas xerais do marco financeiro plurianual, soubemos que todo o dito un ano antes era un paripé, puro teatro, para saír viva da presión dos tractores

Como dicía, o 16 de xullo foi o día elixido por Von der Leyen para dar a coñecer as liñas mestras do MFP para o período 2028-2034 onde, entre outras moitas políticas, está integrada toda a política agraria que, coma un simple terrón de azucre, se vai diluíndo nunhas augas fondas e turbias.

Non é cuestión de entrar a detallar o documento presentado, pero si de apuntar cinco claves que os produtores deben ter ben claras.

Primeira: lo que Von der Leyen amosou é un documento inicial que será a base dun longuísimo, durísimo e complexísimo proceso de negociación, dentro da propia UE, cos gobernos estatais e co conxunto do sector primario, que durará ata finais do ano 2027 e, daquela, é probable que o documento que agora coñecemos apenas teña nada que ver co resultante final. Por iso, sexamos cautos na valoración.

Segunda: la crúa realidade xeopolítica mundial, cunha globalización regulada que languidece pola loita entre os dous grandes bloques, EE. UU. e China, fai que a Unión Europea, antes de perder corda na escena mundial, tomase nota de que a competitividade industrial, a carreira dixital, a defensa e a política migratoria, entre outras cuestións, deben formar parte das súas prioridades e, en consecuencia, deben contar coa súa correspondente partida orzamentaria.

Terceira: a consecuencia do punto segundo, a agricultura e a alimentación perden peso no cartafol de prioridades europeas e, por tanto, tamén o seu peso orzamentario mingua segundo o documento presentado, aproximadamente nun 20 %, aínda que existen agoiros bastante máis catastróficos dependendo de se temos en conta ou non a inflación do período 2028-2034.

Cuarta: a PAC, cun orzamento menor, contará cunha gobernanza diferente. Ao parecer, haberá máis subsidiariedade, con maior protagonismo dos países, eliminarase a actual arquitectura da PAC estruturada en dous alicerces, dado que o seu orzamento global quedará diluído nos plans nacionais que, popularmente, foron nomeados como “paquete país”, onde se asignará un orzamento global para cada Estado membro co fin de atender as políticas que lle sexan prioritarias. Todo apunta a que a subsidiariedade non alcanzará as rexións, cuestión nada baladí nun Estado autonómico coma o español.

Quinta: as axudas directas simplificaranse (eliminan a axuda redistributiva, os ecorreximes etc.), serán decrecentes para favorecer as explotacións menores e focalizaranse, é dicir, priorizarán a concentración das axudas nas explotacións máis vulnerables ben por dimensión ben pola súa localización e/ou contribución ambiental.

En definitiva, haberá menor orzamento agrario e maior dependencia da vontade dos mandatarios estatais que, do mesmo xeito que ocorre no conxunto da UE, teñen, cada vez máis, outras prioridades alleas ao campo.

Ursula Von der Leyen traizoou a súa palabra de hai un ano e o loado comisario, Christophe Hansen, traizoou as expectativas depositadas nel polo conxunto do sector produtor.

Por agora, ambos os dous nos traizoaron.